Turismo Rural

Turismo Rural

A paz que se respira nos seus pequenos pobos brancos, os cinco parques naturais existentes na provincia e o Parque Nacional de Serra Nevada, converten a Granada nun paraíso para quen busca o descanso, sosego e o contacto coa natureza durante as súas vacacións. A provincia non é allea ao auxe deste turismo verde e para satisface-la crecente demanda desenvolveu unha completa infraestructura de servicios e aloxamentos rurais, que van de ofertas tan luxosas como a do Hotel la Bobadilla, en Loja, a outras tan pintorescas como os aloxamentos turísticos en covas da zona norte.

Espacios protexidosPobos da provinciaBalnearios e baños árabesAloxamentos turísticos en covas

O contacto máis directo coa natureza ofréceo Granada nos seus seis espacios protexidos:

Parque Nacional da Serra Nevada

Cunha extensión de case 170.000 hectáreas, este impresionante macizo montañoso foi declarado pola Unesco en 1986 Reserva da Biosfera para protexe-las súas numerosas variedades endémicas de flora e fauna, que converten a Serra Nevada nunha das zonas de maior diversidade biolóxica de Europa. Ademais de esquiar e escalar en xeo durante o inverno, o Parque Nacional ofrece a posibilidade de dar paseos a pé, en bicicleta ou a cabalo por infinitos vieiros. As zonas de menor altitude teñen tamén a protección de Parque Natural.

Parque Natural da Serra de Baza:

Ocupa unha superficie de 52.000 hectáreas na parte central da cordilleira Penibética, con cumes que alcanzan os 2.200 metros de altitude. As vivendas trogloditas existentes no monte Jabalcón testemuñan que esta serra estivo habitada xa na prehistoria e posteriormente por iberos, como da fe a Dama de Baza. Os piñeiros de varias especies constitúen a vexetación predominante, aínda que salientables polo seu porte resultan os álamos centenarios que medran xunto ao leito dos ríos que a surcan.

Parque Natural da Serra de Huétor-Santillán:

A súa proximidade á cidade de Granada convérteo nun lugar de entretemento moi apreciado pola súa poboación. Ten unha extensión de 12.500 hectáreas nas que predomina unha paisaxe de media montaña na que os barrancos e cumes mestúranse con simas, arroios e mananciais. Entre estes últimos destaca o de Pinares de la Alfaguara, preto do municipio de Víznar, dende onde os árabes levaron a auga que abastece os alxibes e canles da Alhambra.

Parque Natural da Serra de Castril:

Abarca unha superficie de 12.000 hectáreas e é de topografía moi accidentada, de enormes paredes verticais, salpicada de outeiros e numerosos barrancos, polos que discorren gran cantidade de arroios ata forma-lo río Castril, corazón e centro do Parque. O voitre leonado atopa nos acantilados un hábitat ideal. Preto de alí atópase a Cova de don Fernando, a de maior profundidade e lonxitude da provincia de Granada, con salas e galerías de gran beleza.

Parque Natural das Serras de Tejeda e Almijara:

Cunha extensión de 40.600 hectáreas constitúe un impresionante macizo montañoso que forma barreira xeográfica entre as provincias de Málaga e Granada. A paisaxe ofrece un abrupto e escarpado relevo con grandes e pronunciadas ladeiras, alternadas coas súas características cristas en diversas ringleiras que, delimitando vales e profundos barrancos, vanse desenvolvendo en liña perpendicular á costa. A fauna máis abundante é a cabra montesa.

Xunto aos espacios naturais, os pobos da provincia constitúen outro gran atractivo turístico. Moitos deles conservan os seus costumes ancestrais intactos, a súa artesanía, recunchos cargados de historia e unha gastronomía de elaboración sinxela pero sabor gratificante.

Montefrío, no Poñente granadino, está formado por un fermoso conxunto de casas brancas delimitadas por templos e coroadas por unha impresionante pena que sostén o castelo musulmán. Preto da poboación, na Pena dos Xitanos, o home prehistórico legou á provincia un dos seus maiores tesouros arqueolóxicos: decenas de dolmens megalíticos rodeados de espléndidas praderías. Na mesma comarca, destaca Alhama de Granada, que se asoma dende a súa impresionante garganta, e Loja, cun rico patrimonio monumental tanto musulmán como renacentista.

Decenas de pequenos pobos brancos, de empinadas e estreitas rúas empedradas, conforman a Alpujarra, unha comarca privilexiada, que se espalla polas ladeiras de Serra Nevada. Illada durante séculos polas montañas, ofrece ao visitante terras case virxes por percorrer, a posibilidade de gozar das súas particulares festas, coñece-lo seu complexo pasado árabe, degusta-la súa contundente gastronomía montañesa e aprecia-la hospitalidade das súas xentes sinxelas. Lanjarón, pobo famoso polas súas augas e o seu balneario, é a porta a esta sorprendente terra de agrestes paisaxes. O barranco do río Poqueira é un dos principais destinos turísticos da zona. Compóñeno os pobos de Pampaneira, Bubión e Capileira, onde existen, como no resto da comarca, diversos aloxamentos rurais.

Xunto á Alpujarra atópase o fértil Val de Lecrín. As plantacións de laranxeiras e limoeiros perfuman o aire en primavera dun embriagador aroma a azar. Antigos muíños de fariña, castelos musulmáns e casais con encanto salpican esta tranquila e luminosa comarca. Ademais das maiores poboacións, como Padul e Dúrcal, multitude de pequenos pobos se mergullan entre froiteiros, oliveiras, amendoeiras, viñedos e cereixos: Albuñuelas, Restábal, Melegís, Talará, Mondújar… Por moitos dos seus termos municipais pasa o GR-7, unha senda de longo percorrido que une Andalucía con Grecia e que na provincia se bifurca para atravesa-la Alpujarra e o Val de Lecrín.

A comarca do Altiplano, ao norte da provincia, elévase ata unha altitude de mil metros sobre o nivel do mar. Esta sorprendente zona destaca pola contraste das súas paisaxes. Rodeada por varias serras, o centro está ocupado por una gran chaira, case desértica, salpicada por cultivos e oasis xunto aos ríos. O desgaste da terra creou neste lugar un mar de caprichosas torres aguzadas que se tinguen ao atardecer dunha atractiva cor vermella intensa. As evidencias arqueolóxicas achadas corroboraron aos científicos que nesta zona, entre as localidades de Baza e Orce, habitou hai un millón de anos un dos máis antigos predecesores do home europeo.

A paisaxe da comarca de El Marquesado é tamén árida, pero fermosa. Presenta dende extensións semidesérticas de aparencia lunar ata pequenos outeiros que medran no horizonte para alcanza-los cumes de Serra Nevada. A principal poboación da comarca é Guadix, que alberga o maior barrio troglodita de Europa, onde máis de 3.000 familias viven aínda en covas, pero agora con tódalas comodidades. O pobo mineiro de Alquife e as pequenas localidades de Jérez del Marquesado, La Calahorra, Purullena e La Peza proporcionan grandes posibilidades ao turista rural.

O estrés laboral e a trasfega da vida nas grandes cidades leva cada vez a máis persoas a considerar a posibilidade de destina-las súas vacacións a unha cura de repouso nun balneario.

Estes establecementos deixáronse de imaxinar como lugares só reservados para persoas maiores e convertéronse en destinos de luxo, que ofrecen unha variada oferta de lecer alternativo. Romanos e árabes legaron á provincia termas e baños de tanto prestixio como os de Alhama de Granada, Graena e Alicún de las Torres; e as propiedades medicinais da auga de Lanjarón son coñecidas en todo o país.

Xunto a estes balnearios tradicionais, nos últimos años abriron na capital granadina varios balnearios de luxo (spa) e centros de tratamento con auga. Así e todo, a oferta máis innovadora e atractiva chegou da man dos modernos baños árabes, dous establecementos existentes na capital que recuperan o gusto pola auga dos antigos poboadores da cidade. Decorados con azulexos e xesarías que imitan os Baños Reais da Alhambra, manteñen a típica estructura destes establecementos, con salas frías, tempadas e quentes. Neles pódese gozar, ademais do relaxante baño, de masaxes e té mouro con especias.

Os aloxamentos en covas das comarcas de Guadix e O Marquesado, e Baza-Huéscar

O Altiplano, convertéronse nun dos productos turísticos máis atractivos e singulares da provincia de Granada. Na actualidade existen, nas dúas zonas mencionadas e no barrio granadino do Sacromonte, 31 establecementos regrados catalogados como aloxamentos turísticos en covas. Todos eles teñen como denominador común o servicio de calidade, o respecto ao medio ambiente, e a recuperación e conservación dunha das tradicións constructivas e arquitectónicas máis peculiares de Europa.

Escavados nas entrañas da terra, constitúen un magnífico exemplo de integración da obra do home coa natureza e a paisaxe. Cada unha das covas é totalmente diferente as demais. Son, ademais, un magnífico exemplo de adaptación da arquitectura popular ás características do medio físico onde se atopan: terras duras e resecas que, sen ofrecer resistencia a seren escavadas, resultan compactas –polo que non existe perigo de derrubamento– e impermeables –nelas gózase dunha temperatura agradable que se mantén arredor dos 18º– resultando frescas en verán e cálidas en inverno.

As modernas casas cova ofrecen ao hóspede tódalas comodidades que se lle poden esixir a un aloxamento turístico de calidade e servicios complementarios que as converten en óptimos centros de estadías de vacacións: dende paseos a cabalo a suntuosos baños árabes, pasando por restaurantes de cociña tradicional, completas bibliotecas ou granxas de producción de gando e cultivos ecolóxicos. Por todo isto, se comercializan con magnífica aceptación tanto en mercados nacionais como internacionais.



Login

Registro | Contraseña perdida?