A provincia

A provincia

Dende o Poñente ata o Altiplano, pasando polo Marquesado, a Costa Tropical e a Alpujarra e o Val de Lecrín, toda a provincia conta con alicientes para o turismo monumental e cultural.

Algúns municipios do cinto da capital marcaron mesmo fitos na historia e a cultura universal: en Santa Fe, vila creada polos Reis Católicos para asediar Granada, foi onde se asinaron as Capitulacións para o descubrimento de América por parte de Cristóbal Colón; e Fuente Vaqueros viu o nacemento de Federico García Lorca, un dos poetas e dramaturgos máis importantes das letras españolas.

Guadix, cidade monumental, conserva un interesante patrimonio histórico-artístico, do que sobresae de maneira singular a Alcazaba, declarada Monumento Nacional; dende as súas grandes torres do século XI aprécianse magníficas vistas da veiga, a cidade e Serra Nevada. A arquitectura relixiosa ten en Guadix un destacado protagonismo e conta con edificios de interese notable como a Catedral e as igrexas de Santa Ana, Santo Domingo e San Francisco.

De Loja, tamén coñecida como ‘Cidade da auga’ polos seus máis de dos mil mananciais, hai que resalta-la Alcazaba árabe, a Igrexa Maior, a dedicada á Santa Catalina, a de San Gabriel, o Convento de Santa Clara e o Pósito Novo. Tamén na comarca do Poñente, impresiona o magnífico conxunto monumental que forman en Montefrío a fortaleza árabe e a Igrexa da Vila, emprazados no cume dun monte coma nun ousado alarde arquitectónico.

O Altiplano é rico en vestixios de culturas prehistóricas. Aquí asentouse, no século IV antes de Cristo, o pobo ibero dos Bastetanos, fundadores da cidade de Basti (orixe da actual Baza), unha das máis antigas da Península Ibérica. Deste período histórico son os achados arqueolóxicos da Dama de Baza e o Torso de Guerrero. Baza foi tamén unha importante cidade da Hispania romana e un notable núcleo de poboación no período árabe-andalusí. Nas proximidades sitúanse localidades como Cúllar, Galera, Orce, Huéscar e Castril, todas elas cun gran patrimonio monumental e arqueolóxico.

A Alpujarra conserva a historia e os costumes dos árabes e dos mouriscos que habitaron alí ata a súa expulsión por parte de Felipe II. Aínda hoxe emprégase a rede de canles construídas hai cinco séculos e o sistema tradicional de cultivo en socalcos. A arquitectura tamén permanece inalterada nas estreitas e empinadas rúas dos seus pobos. As casas, sempre encaladas, adáptanse perfectamente ao medio montañoso, construídas con pedra, barro, lousa, launa e madeira de castiñeiro.

A Costa Tropical, ademais de 320 días de sol ao año, posúe unha historia milenaria. Nela, os fenicios fundaron Sexi, colonia sobre a que hoxe érguese Almuñécar. Posteriormente, os romanos construíron unha das maiores fábricas de salgaduras do Mediterráneo e un acueducto para fornecela de auga doce. Do seu pasado árabe, Almuñécar, ao igual que a veciña Salobreña, conservan unha fortaleza que coroa ámbolos pobos. En Motril destaca a Igrexa Maior da Encarnación, edificada sobre a antiga mesquita maior.



Login

Registro | Contraseña perdida?