Turismo de sol e praia

Turismo de sol e praia

Granada é a provincia costeira andaluza con menos litoral, arredor de 80 quilómetros. Mais, sen dúbida, posúe o clima máis afortunado.

A suavidade dos ventos do norte de África, as das augas cálidas do Mediterráneo e a protección que lle aportan os cumes próximos de Serra Nevada, dótana dun microclima subtropical único en Europa. Os máis de 320 días ao ano cunha temperatura media anual de 20 graos centígrados converten a Costa Tropical de Granada nun enclave paradisíaco.

Almuñécar, Motril e Salobreña son os tres destinos turísticos principais. As súas extensas praias, de areas grosas e augas limpas, premiadas tódolos anos pola Unión Europea con varias Bandeiras Azuis, acollen especialmente no verán a miles de visitantes españois e, en menor medida, estranxeiros. Así e todo, estas localidades non sofren os problemas de masificación que afectan a outros destinos nacionais de sol e praia.

O auxe turístico que experimentou o litoral español nos anos sesenta e setenta do século pasado chegou con demora á costa granadina. Un feito que, a longo prazo, vai terminar beneficiándoa: non sofren o turismo masivo nin un desgaste da paisaxe marítima provocado polas agresións urbanísticas realizadas noutros lugares. As autoridades locais planean agora o que será o futuro ‘boom’ turístico da Costa Tropical: un desenvolvemento sostido e respectuoso co medio ambiente; unha aposta polo turismo de calidade que contempla a creación dunhas dez mil prazas hoteleiras de luxo.

Fundado polos fenicios uns mil anos antes de Cristo co nome de Sexi, Almuñécar é un pobo cargado de historia que conserva importantes necrópoles daquela época, restos de fábricas de salgaduras romanas, cinco tramos de acueduto tamén romano e un castelo árabe. Outros atractivos máis prosaicos son o xardín botánico El Majuelo, un parque ornitolóxico de aves exóticas e un parque de atraccións acuático. A poucos quilómetros de Almuñécar se atopa o porto deportivo Mariña do Este, lugar de amarre de veleiros e barcos fora borda que conta con varias escolas e centros de mergullo. En total, o seu termo municipal ofrece ao visitante 26 praias.

Salobreña convértese na imaxinación do visitante nunha gran montaña de terróns de azucre. As súas pequenas casas brancas e cúbicas arremuíñanse fronte ao mar arredor dun outeiro coroado por un monumental castelo árabe. Dende o cume pódense contemplar, nun só golpe de vista, deliciosas panorámicas sobre Serra Nevada, o Mediterráneo e a fértil veiga de Salobreña, onde se recollen froitas subtropicais como a chirimoia, o aguacate e a manga e aínda se mantén o cultivo da cana de azucre.

Motril, a maior poboación da provincia despois de Granada, é un destacado centro turístico que mantén ademais unha importante actividade agrícola e industrial, da que é claro expoñente o seu porto, recentemente ampliado. Entre os seus monumentos destaca a Igrexa Maior da Encarnación, construída en forma de fortaleza durante o século XVI polo cardeal Mendoza sobre a antiga Mesquita Maior; a Casa da Palma, enxeño azucreiro de orixe musulmán, hoxe convertido en casa da cultura; e o Santuario da Nosa Señora da Cabeza, construído sobre o antigo palacio de recreo da raíña Aixa, nai de Boabdil, o derradeiro monarca da dinastía Nazarí. Recentemente abriuse un Museo da Cana de Azucre.

Xunto as praias destas localidades existen infinidade de pequenas calas, tranquilas e recónditas, abertas entre os acantilados abertos polas serras de A Contraviesa, Lújar e Os Guájares. Destacan as das localidades de Torrenueva, Calahonda, Carchuna, Castell de Ferro, La Rábita e La Herradura, que completan a oferta turística de sol e praia do litoral granadino.



Login

Registro | Contraseña perdida?