En Granada, o que ti queiras

En Granada, o que ti queiras

As vacacións máis completasAs 7 comarcas turísticasO destino máis desexado

En apenas 13.000 quilómetros cadrados de extensión, a provincia de Granada atesoura unha inimaxinable cantidade e variedade de atractivos turísticos:

A Alhambra, un dos monumentos máis visitados de España e un dos máis fermosos do mundo; unha das mellores estacións de esquí de Europa atópase en Serra Nevada; e, a uns 75 minutos en coche, pódese trocar a neve polas praias da Costa Tropical, que goza de envexables temperaturas durante todo o ano.

É esta diversidade de climas, paisaxes, productos e recursos a que permite cualificar a provincia de Granada de continente turístico. As posibilidades son múltiples en calquera época do ano: turismo cultural e monumental, rural e activo, de neve e deportivo, de sol e praia, de congresos e incentivos, de lecer, de aprendizaxe de linguas…

A cidade de Granada enfeitiza ao visitante coa súa historia e monumentos. Ofrece un calendario cultural de primeira orde, moitas festas e tradicións e un animado ambiente propiciado polos máis de 65.000 estudiantes matriculados na Universidade de Granada.

Para os amantes da natureza e do turismo rural, a provincia alberga cinco parques naturais e un parque nacional. A paz e a tranquilidade que se respira nos pequenos pobos da Alpujarra invitan ao visitante a ficar para sempre. As zonas do interior, coma o Marquesado e o Altiplano, ofrecen o incrible contraste de paisaxes desérticas, de aparencia case lunar, coa frondosa vexetación das serras que os rodean.

En 1994, o Padroado Provincial de Turismo de Granada impulsou o Plan Markes, un proxecto concibido co propósito de mellorar Granada como producto turístico e maximizar a efectividade da promoción dos recursos turísticos das distintas zonas da provincia. Este plan divide os 168 municipios da provincia en sete comarcas ou macrozonas turísticas:

A Alpujarra e o Val de Lecrín:

Situada entre Serra Nevada e o mar Mediterráneo, é unha comarca case virxe, ideal para o turismo rural e a práctica de deportes de aventura. O Barranco de Poqueira, cos seus pobos brancos, cobrou gran prestixio como destino turístico. Destacan tamén localidades como Lanjarón, Trevélez, Cádiar, Órgiva e tódalas situadas no verde e fértil Val de Lecrín.

Baza-Huéscar: O Altiplano:

Esta comarca de contrastes, que ocupa o nordeste da provincia, elévase máis de 1.000 metros sobre o nivel do mar. A súa parte central, de impresionantes paisaxes desérticas, está rodeada por un verde anel de serras. Escavacións arqueolóxicas demostraron que estivo poboada hai máis dun millón de anos. Aquí tamén se atopou a Dama de Baza, un dos principais vestixios iberos. Baza, Galera, Cúllar, Puebla de don Fadrique, Huéscar e Castril son algunhas das principais localidades da zona.

Costa Tropical:

A provincia de Granada conta con arredor de 80 quilómetros de litoral que goza dun envexable microclima subtropical que proporciona sorprendentes cultivos e agradables temperaturas durante todo o ano a localidades como Almuñécar, Motril, Salobreña e Castell de Ferro. As praias son de area grosa e augas limpas e tempadas.

A cidade de Granada e os seus arredores:

Inclúe a capital e unha trintena de pobos da súa área metropolitana, entre os que destacan Alfacar, Víznar, Fuente Vaqueros, La Zubia, Las Gabias e Alhendín. O turismo monumental e cultural, o de congresos e incentivos, e o turismo rural son os principais segmentos da zona.

Guadix e O Marquesado:

Situada ao este de Granada e integrada pola localidade de Guadix e os pobos que a circundan, esta comarca goza de magníficas condicións para o turismo monumental, rural e activo. Comparte con Baza-Huéscar: O Altiplano, paisaxes semidesérticos, un riquísimo legado arqueolóxico e histórico e a tradición das súas xentes de vivir baixo terra, que deu lugar aos senlleiros hospedaxes turísticos en covas.

Sierra Nevada:

A estación de esquí de Serra Nevada atópase a apenas 32 quilómetros da cidade de Granada. Os seus 84 quilómetros de pistas e as magníficas infraestructuras turísticas e equipamentos deportivos fan de Serra Nevada a mellor estación invernal de España. Atópase enclavada dentro do Parque Nacional de Serra Nevada. O Mulhacén, de 3.478 metros, é o pico máis alto da Península Ibérica.

Poñente Granadino:

Comarca situada ao oeste da provincia. As súas principais poboacións son Loja, Alhama de Granada, Montefrío, Íllora e Moclín. Conta cun extenso legado árabe que se advirte en tódalas súas rúas e nas numerosas alcazabas construídas durante o reinado da dinastía nazarí.

A provincia de Granada é un lugar inesquecible que hai que visitar polo menos unha vez na vida. Esta é a opinión maioritaria dos lectores de dous dos xornais más influentes do mundo: o británico ‘The Independent’ e o español ‘El País’, que reflexa a forza e atracción de Granada como referente turístico mundial.

‘The Independent’ publicou o 25 de novembro do 2002 unha reportaxe titulada ‘The world according to you’, na que plasmaba os resultados dunha enquisa realizada entre os seus lectores na que preguntaba qué lugares do mundo consideraban imprescindible visitar antes de morrer. Granada foi o terceiro destino, só superado por Venecia e Praga. A Alhambra ocupou o quinto posto nos monumentos, despois de Petra, Machu Pichu, a Gran Muralla e o Taj Mahal. Noutra enquisa similar, os lectores de ‘El País’ estableceron en 2004 a Alhambra como o seu monumento español predilecto (co 17,62% dos votos) e Granada como a segunda cidade española máis desexada, só superada por Barcelona.



Login

Registro | Contraseña perdida?